As grandes superficies comerciais: realidade e consecuencias

…ante intento de construir a marca Coruña, como cidade Centro Comercial, ante a insensata apertura do monstro Marineda City a RDS lanza este manifesto…

13 pasos que destrúen a cidade

1. Especulación:

A apertura de grandes superficies comerciais ten suscitado operacións de especulación inmobiliaria do solo. É habitual que a aparición dun centro comercial estea precedida de operacións de compra-venta de terreos ou bens inmobles coa  intención especulativa de revendelos posteriormente.

2. Corrupción:

Estes procesos de especulación inmobiliaria veñen acompañados de posibilidades para a corrupción urbanística e o abuso de poder por parte de cargos e funcionarios públicos que, ligados á iniciativa privada de grandes grupos económicos aproveitan a falta de planificación urbana e a ambivalencia das normativas para o enriquecemento privado. A pouca transparencia destas prácticas suxire indicios de filtracións de información privilexiada desde as administracións públicas cara aos lobbies económicos da construción e a xestión comercial a grande escala.

3. Malversación:

Só mediante un investimento inadecuado de caudais públicos pódese dotar a estas iniciativas privadas das infraestruturas que precisan para a súa actividade. A grande cantidade de fondos públicos empregados en dotar de infraestruturas e servizos ás grandes superficies comerciais de beneficio privado chocan claramente coa concepción da inversión realmente pública.

4. Economía deslocalizada:

Lonxe de xerar riqueza local, os fluxos económicos das grandes superficies comerciais son un claro exemplo da nocividade do mercado globalizado; empresas de tributación desequilibrada que non crean riqueza localmente. Grandes superficies que capitanean a economía neoliberal concentrando a riqueza nunha sorte de novas elites locais e destruíndo o tecido económico consolidado da cidade.

5. Destrución do pequeno comercio:

As grandes superficies comerciais imposibilitan a pervivencia dos tecidos de pequena produción e consumo, agrandando as dificultades que o pequeno comercio ten para a súa supervivencia nos barrios. Debilitan as redes de economía doméstica e destrúen os mercados locais, funcionando como auténticas apisoadoras monopolistas. As grandes superficies comerciais empregan técnicas abusivas para eliminar o tecido de pequeno comercio de proximidade.

6. Precariedade laboral:

As grandes superficies comerciais son espazos onde o traballo precario adquire un carácter hexemónico. Contratos lixo, horarios abusivos, salarios de moi baixa cuantía, intermitencia e temporalidade na contratación, elevadas doses de presión laboral e risco nas condicións de saúde laboral, son algúns dos síntomas causados polo modo de
explotación que padecen as persoas que traballan nelas.

7. Consumo irresponsábel

O sistema de consumo potenciado polas grandes superficies comerciais dista moito da sustentabilidade económica, social ou medio-ambiental. Algúns indicadores que apoian a anterior reflexión poden ser: a baixa calidade e os deficientes sistemas de fabricación da maior parte dos produtos á venda; a desequilibrada e inxusta relación económica entre o produtor os intermediarios e o vendedor final; o déficit ecolóxico dos procesos de fabricación; a prevalencia das grandes marcas; etc…

8. Homoxeneización:

O tipo de ocio e consumo preponderante nas grandes áreas comerciais estandariza as influencias e os gustos culturais, impoñendo cánones estéticos a toda a cidadanía e eliminando a diversidade. Unha homoxeneización favorecida pola concentración nestas grandes superficies comerciais de empresas multinacionais que aplican patróns de produción e venta baseados nas formas e tendencias empresariais da cultura dominante.

9. Privatización da cidade:

En esencia o espazo público é aquel que se goberna de maneira pública. Converter os lugares de relación comunitaria, de natureza pública, en espazos de xestión e control privado, limita o desenvolvemento comunitario ao tempo que empobrece a vitalidade da cidade. A heteroxeneidade na composición e uso da cidade é un dos grandes valores no análise da súa riqueza, xa que potencia a solidariedade entre as persoas e o desenvolvemento de valores de xustiza social. Dita heteroxeneidade desaparece en espazos privados, onde se impón o dereito de admisión reservado.

10. Segregación:

As grandes superficies comerciais son espazos privados entregados a políticas de control que levan implicita a exclusión de determinadas capas da poboación. Migrantes sen papeis e persoas en situación de exclusión social son sistematicamente seguidas e perseguidas, cando non expulsadas destes centros de consumo e privatización do ocio.

11. Xentrificación:

A planificación e apertura dunha grande superficie comercial ven acompañada dun proceso de transformación urbana e social no que a poboación orixinal dunha veciñanza ou barrio é progresivamente desprazada por outra de maior nivel adquisitivo rematando así cun tecido social consolidado a través dos anos e construíndo auténticas barreiras de fragmentación urbana.

12. Mobilidade:

As grandes superficies comerciais destrúen os equilibrios da cidade, impoñendo modelos de mobilidade dependentes do vehículo particular. A nova disposición urbana que determinan os centros comerciais, empeoran un modelo de saturación automobilística xa de por si desequilibrado .

13. Perda de urbanidade:

A zonificación de usos na cidade que supón o traslado da actividade comercial á súa periferia, conleva unha perda de vitalidade do espazo público tradicional. A riqueza das rúas vese mermada polo peche dos seus comercios, facendo do percorrido peonil das mesmas unha experiencia máis monótona e falta da tranquilidade que outorga o espazo habitado.

Polo Dereito á cidade!