documentos didácticos

Qué é un pxom? Que fai? Como se consulta?

Qué é unha alegación? Qué se pode alegar? De qué serve? Como se fai?

presentación da campaña no servicio de urbanismo do concello

Alegación Xenérica

Nome:…………………………………………………………………………………………………

DNI:…………………………………………………………………………………………………….

Enderezo:………………………………………………………………………………………………

EXPOÑO:

Que logo de consultar o documento de aprobación inicial de Revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal de A Coruña (endiante PXOM) e non estando conforme con distintos aspectos do mesmo, mediante o presente escrito opóñome á súa formulación actual en base ao seguinte.

ALEGO:

1. Que o proceso de participación, debate e consenso cidadá, tan necesario na elaboración e desarrollo do PXOM, non seguiu canles realmente incluintes, claras e democráticas.

2. Que o planeamento de grandes infraestructuras presente no PXOM non é unha solución a problemática de mobilidade acuciante na cidade. Apenas afondará na saturación derivada do uso do automobil particular, dividindo barrios e veciñanzas con vias de alta densidade que afondaran na producción de gases de efecto invernadoiro e outros que afondan no empeoramento da calidade do aire.

3. Que non se atopan no PXOM ferramentas reais para o control da especulación urbanística. O que si atopamos é unha previsión de máis de 33.000 novas vivendas nunha cidade que ten, agora mesmo, máis de 17.000 vivendas (sobre o 15% do total) baleiras. Procesos como os 6 convenios firmados despois da revisión da Xunta, dan conta dun modelo de urbanísmo que segue a preferenciar a grupos económicos e empresariais e que continúa a posibilitar oscuros procedimentos urbanísticos de cuestionábel legalidade.

4. Que un PXOM que firma a defunción de unha economía e un sistema produtivo sostibel, barrial e local non pode ser o PXOM de unha sociedade democrática e igualitaria. Priorizar unha economía de grandes superficies comerciais fronte ao pequeno comercio e deseñar unhas infraestructuras e un planeamente urbanístico e economico-laboral en base a estas (grandes superficies) e a un porto exterior cuestionado por veciñas e veciños, expert@s, e institucións, fala de un modelo inconsciente e ilógico.

5. Que non atopamos ferramentas económicas, legais, técnicas ou participativas para 1)poder desenvolver as intervencións sinaladas no PXOM nem 2)marcar un control público e democrático sobre as formas de desenvolvemento do mesmo nem 3)ter un control transparente sobre a xestión das plusvalías económicas que xerarán as actuacións urbanísticas do PXOM.

6. Que a ausencia de respeto polo patrimonio, natural e cultural (exemplos como o apantallamento na Agra da Torre, os recheos previstos na ensenada do Orzán, as agresións ao Castro de Elviña, …) deriva en actuacións e propostas realmente alarmantes e ausentes de criterio nun sentido técnico e moral.

En consecuencia:

Solicito que se abra un proceso de revisión do PXOM no que se creen as canles para un debate real sobre o modelo de cidade que precisa a cidadanía da Coruña.

En primeiro lugar como esixencia democrática e, en segundo, como factor de calidade do Plan, para que poda satisfacer mellor ás necesidades da poboación e aproveitar as súas potencialidades. Nese sentido, emprazo ao Concello a crear espazos de traballo co equipo redactor do Plan e o grupo Municipal, nas que os colectivos e a cidadanía, podanos expor as nosas posicións e chegar a acordos concretos sobre os contidos do Plan.


En A Coruña a … de Febreiro de 2010

Sinatura:

descargar modelo en .pdf

Nota aclaratoria

Ante o alarmismo levantado de forma irresponsável por agentes, lobbis económicos, grandes promotores e a dereita de partido na cidade, desde colectivos e pessoas aderidos ao manifesto “Polo Direito a Cidade” queremos manifestar que nom acreditamos o máis mínimo em determinados analises oportunistas e sesgados que sobre o urbanismo e o  PXOM estám a fazer aqueles que so pensam em chave de beneficios económicos ou réditos eleitorais.

Como temos feito público nos últimos días, as entidades sociais, culturais e vezinhais das que fazemos parte nom vam caer numha posiçom acrítica ante o PXOM proposto desde os grupos que governam e compartem alcaldía no Concelho da Corunha. Um PXOM que como ja plantejamos, desde o nosso ponto de vista, mantem importantes deficiencias no  que a gestom e proposta de modelo de cidade se refire. Entendemos que a nossa laboura, como parte da sociedade civil é exigir sempre melhoras, proponher pontos de vista  alternativos e presionar em todo o momento a quem gestiona o poder, tenha a cor política que tenha. E isso estamos a fazer.

Alem disso, nom podemos acreditar o máis mínimo nos discursos que de forma maniquea, estam-se a fazer desde e dereita política e económica (empresarios da construçom, lobbis económicos) da cidade, buscando deitar sobre a povoaçom umha política do medo, da alarma perniciosa, manipulando a informaçom e alterando o sentido de  determinadas figuras urbanísticas.

Nom acreditamos no modelo de cidade neoliberal que proponhem as forças liberais (politicas e económicas) da Corunha, baseando o seu plantejamento, na especulaçom desmedida, a densificaçom da construçom frente aos espaços públicos e a ausencia de rehabilitaçom.

Num momento chave como este para a cidade e o planeta, num marco de crise económica e incerteça ecológica, como grupos sociais, ecologistas, vezinhais, nom damos credibilidade ao modelo de cidade neoliberal.

Avogamos por umha cidade livre do paragidma da propriedade da vivenda como bem especulativo. Umha cidade verdadeiramente sostivel, com menor densificaçom e sem violencia inmobiliaria. Avogamos por umha cidade organizada em base ao tezido social e construida desde a participaçom.

Plan Xeral de Ordenación Municipal. Consideracions xerais

_ Os plans xerais de ordenación municipal, como instrumentos urbanisticos de ordenación integral albergarán un ou varios termos municipais completos, clasificarán o solo para o establecemento do réxime xurídico correspondente, definirán os elementos fundamentais da estructura xeral adoptada para a ordenación urbanística do territorio e establecerán as determinacións orientadas a promove- lo seu desenvolvemento e ejecución.

_ Así mesmo, o plan xeral deberá garanti- la coherencia interna das determinacións urbanisticas, a viabilidade técnica e económica da ordenación proposta, o equilibrio dos beneficiarios e cargas derivadas do plan entre as distintas áreas de reparto, a proporcionalidade entre o volume edificable e os espacios libres públicos de cada ámbito de ordenación e a participación da comunidade nas plusvalías xeneradas en cada área de reparto.

[Ley 9/2002 Ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. LOUGA

Artigo 52º. Plan Xeral de Ordenación Municipal. Consideracions xerais]

ESIXIMOS O DEREITO Á CIDADE!

“O PXOM da Coruña, unha ilusión nada realista e pouco eco-lóxica”

Persoas individuais, colectivos culturais e sociais, asociacións veciñais e diversos espazos da sociedade civil coruñesa queremos manifestar a nosa disconformidade rotunda, ante a aprobación inicial (unilateralmente acordada desde o concello da Coruña incluso co informe desfavorable da XUNTA) dun PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal), que se materializaría na formulación dun modelo de cidade insostible, laboral, ecolóxica e socialmente falando.

Expresamos a nosa disconformidade en forma de esixencia do Dereito á Cidade. Unha cidade, a de todas e todos,  necesitada de procesos de diálogo social real, recibe un plan xeral inconcreto, escuro, dificilmente comprensible e contrariamente do que se quere facer ver, cun elevado déficit no que a participación e debate cidadán se refire.

A exclusiva presenza de administracións-partidos e centros de decisión económicos privados (lobbies económicos e grande empresariado da cidade) marca a ausencia dunha formulación dialogante e participativa cunha sociedade civil activa e recoñecible (asociacións culturais e sociais, agrupacións de profesionais, asociacións veciñais, colectivos de  base,..) non tida en conta e francamente ausente do proceso de creación deste importantísimo plan de ordenación  municipal. Un PXOM que demarca as liñas que dentro do termo “modelo de cidade” marcarán o futuro social,  económico, cultural e ambiental da cidade. Grazas ao que lemos neste PXOM o futuro desta cidade semella   inconsciente e francamente en suspenso.

Que modelo produtivo (económico) impón o PXOM?

O modelo de cidade terciaria que pretende, fala dun esquema insostible e irreal laboralmente falando, no que se  substitúe un sistema produtivo máis heteroxéneo e diversificado por outro baseado en dous eixos de elevado custo  ambiental e difícil consolidación económico-produtiva.

Primeiro, un ilóxico tecido de grandes superficies comerciais que socavan o pequeno e mediano comercio ,entregando ás traballadoras e traballadores a elevadas doses de precariedade laboral e impoñendo á cidadanía un modelo de   consumo irracional moi por riba das demandas actuais e futuras da área metropolitana.

Segundo, un porto exterior (sobre o que pivotaría segundo o PXOM e o seu autor, Joan Busquets o tecido industrial e o futuro económico da cidade) tecnicamente cuestionado por persoal experto, administracións e cidadanía, sen uns orzamentos rigorosos e realistas, e dependente do proceso especulativo da venda dos peiraos do porto industrial actual; unha venda bloqueada polo estoupido da burbulla inmobiliaria nunha cidade onde o 15% das vivendas están actualmente baleiras.

Que modelo urbano (ambiental, territorial, social..) impón o PXOM?

O PXOM fala de “restablecer a relación co medio natural” algo que vai en clara confrontación coas directrices marcadas en relación á creación de novos recheos, megainfraestruturas, ou novos polígonos industriais e residenciais.

As grandes bolsas de zonas verdes nomeadas polo Plan dependen en gran medida de concellos limítrofes, algúns dos cales xa manifestaron a súa indispoñibilidade ante as intencións do municipio capitalino.

Tamén podemos afirmar que o que se supón un dos seus eixos centrais (a creación de vivendas de protección) é fume co que tratar de lexitimar e dar un marco institucional ao proceso de formalización de polígonos urbanizables (e Convenios de última hora e dubidosa formulación) onde a especulación e a xentrificación con actores privados serán o principal elemento urbanizador dunha cidade xa tremendamente densificada.

Por outra banda, unhas infraestruturas que na realidade violentan a cidade peonil (fraccionándoa con autoestradas como a terceira rolda que a illan fisicamente) para dotar principalmente de comunicación a empresas privadas (radicadas esencialmente en grandes centros comerciais e polígonos industriais de futura construción) e apoiar un modelo de transporte onde, de seguirmos co sistema de mobilidade en uso non solucionaremos os problemas de saturación automobilística. Deberíase solucionar as carencias dunha área metropolitana sen alternativas reais de transporte público, e con hexemonía absoluta e dependencia total do vehículo particular co custo de tempo,  económico, e ambiental que isto require.

Outra carencia do PXOM é o tratamento ineficiente ou vago do tecido rural; a única alternativa para os núcleos rurais existentes no termo municipal é a de ser fagocitados polo tecido urbano, sen posibilidade de hibridación e enriquecemento mutuo. No mellor dos casos vemos unha conservación dos núcleos tradicionais en tanto elementos históricos, mais destrúese ou ignórase o territorio que lles dá sentido. Por si mesmo ese territorio ten un valor cultural e ecolóxico, en tanto que son territorios sustentables sempre que se potencie, entre outros, o seu uso primario que agora está en decadencia tanto pola dificultade para poder vivir do cultivo destas terras como pola especulación do que é obxeto.

Por último, falamos dun documento que segue sen abordar a solución que dende as políticas sociais, merecen os mal chamados asentamentos marxinais, e as persoas que os habitan.

En definitiva, a cidadanía da Coruña, activa e propositiva, esiximos participar no modelo concreto (rúas, barrios, comunidades…) e xeral de cidade.

Esiximos cauces democráticos de debate participativo sobre como queremos construír o noso ecosistema urbano porque buscamos ter a oportunidade de facer desta cidade un territorio realmente habitable, sustentable e tolerante.

Esixímolo Aquí e Agora.

manifesto.pdf

contexto exonómico.pdf